sábado, 6 de febrero de 2010

FUSION DE CAIXAS E BANCA ÚTIL


Moito balbordo ten producido a fusión das caixas galegas. Que se fusión sí, que se fusión non... Para poder elaborar unha opinión coido que faltan datos. Pero claro, son datos que nunca se van poñer enriba da mesa, porque se consideran información estratéxica para evitar pánico dos depositantes. Algo semellante ao dos fondos reservados. Se se soubese en que gasta o Ministerio do Interior eses fondos estariamos dando información aos malfeitores e iso comprometería a seguridade do país.
Claro que, si a información das nosas caixas fose favorábel non habería problema en facela pública.

Xa que logo, temos dúas caixas das que descoñecemos o balanzo real(ese que fale dos activos tóxicos ligados ao ladrillo) e unha hipotética caixa resultante que, dependendo do grado de “intoxicación” de cada unha das súas partes, terá un balanzo máis ou menos “intoxicado”.
Perdamos toda a esperanza de que nos poñan os datos enriba da mesa. Non o farán. A auditoría comprada dixo o que o cliente quixo que dixera.

Pero, ¿por qué deixar que todo este asunto se simplifique como un enfrontamento partidista, un tirapuxa non exento de morbo por ver de parceiros a BNG e PP?

¿Porque non levar o debate por onde debería ir para nos, “os de a pé”?

¿POR QUÉ TER UNHA CAIXA DO SUR E OUTRA DO NORTE?
Pois, se cadra para que, mediante a especialización, poidan atender ás necesidades de financiación de cada zona. Quén mellor que alguén próximo pode financiar unha actividade como o naval, o sector leiteiro,o pesqueiro ou o agrícola. Esa correa de transmisión penso que sería desexábel para Galicia.

E certo que a dicotomía norte/sur pode resultar algo trasnoitada. A especialización das dúas entidades pode ser transversal no senso territorial. Non toda a actividade pesqueira está no sur, nin toda a actividade gandeira está no norte, por poñer dous exemplos representativos do noso tecido produtivo. Pero esa é outra análise.
Sempre me chamou a atención a historia do Grameen Bank(banco dos probes); fai pensar moito no que a financiación representa no desenrolo socioeconómico. Un banqueiro dos probes que ten éxito contra todo prognóstico. Os probes, para algúns non podían ser honrados. Pero Muhammad Yunus demostroulles que non era certo. Conseguíu unha porcentaxe de devolución dos empréstitos moi alta. E non foi só unha cuestión de “razón para ti ou razón para min”: a súa obra contribuíu ao desenrolo, primeiro do seu país e despois doutros aos que se exportou a idea. Un exemplo de “banca útil”.¿Veremos algo así nós algún día?.
Moito se ten falado do papel dos bancos nesta crise; entidades que piden axuda e negan que a eles lles corresponde prestar no desenvolvemento da economía do país. Dar financiación a “delirios inmobiliarios” e negarlla a emprendedores con proxecto serio di moi pouco a favor dun sector, insisto, estratéxico.
Do que saia de todo isto depende que se corrixan estas graves anomalías.


-AS CAIXAS, ¿TEÑEN QUE ATENDER OS MESMOS CRITERIOS DE RENDIBILIDADE QUE OS BANCOS?
Non dubido que os bancos viven de prestar pero para elo teñen que captar fondos. E para captar fondos hai que dar idea de solvencia. Claro. Pero non nos vendan bancarización como sinónimo de solvencia. Os bancos teñen dereito a investir os beneficios no que lles pete. Pero necesitamos caixas que, anque sen balances estilo Santander, sexan solventes sen deixar de ser útiles. Os criterios de rendibilidade e solvencia das caixas poden agachar estratexias doutro tipo como ten anunciado nos seus editoriais Xornal de Galicia.
En conclusión, se cadra a idea do Grameen Bank é unha utopía(Galicia non é Bangladesh). E se cadra non. O que sí é certo é que estamos a falar de algo máis que de entidades e de números, de "a ver se gañan estes ou aqueles"; estamos a botar os alicerces para construir o edificio do noso desenrolo. Se somos conscientes de que o futuro require de bases sólidas os nosos emprendedores atoparán onde asentar proxectos que contribuirán a crear ese tecido que tanto precisamos.

martes, 2 de febrero de 2010

UN SITIO PARA COMER EN NOIA



Quero recomendar un restaurante que veño frecuentando dende hai uns anos cando ando por Noia: Restaurante Hospedería Valadares.Non é un lugar ostentoso nin ten unha carta interminábel. Pero é moi acolledor(ten moita luz, mobiliario de madeira con certo encanto) e a comida podería calificarse de caseira.






Hoxe por exemplo comemos



Grelos con allada(exquisitos) e Mexillóns(moi fresquiños) ao vapor de primeiro; carne asada(eu diría... "comida de festa") e polo asado de segundo.





De postre recomendamos flan de queixo, feito na casa.



Teñen hospedería e polo que semella na páxina web todo muy correcto. E co trato tan esmerado seguro que resulta un sitio ben acaído para percorrer a zona.