domingo, 23 de diciembre de 2012

SON BRASILEGO

No Setembro de 2006 Sérgio Tannus, recén chegado a Compostela actuóu no Teatro Principal. Ficou encantado con Galicia e aquí foi acollido coma un máis.Foi a primeira pedra dunha ponte entre Brasil e Galicia que xa se extendeu a África.
Ademáis,con base en Santiago espallou o seu arte como multiinstrumentista e cantautor por distintas cidades de Europa.


 


Nestes seis anos,Tannus colaborou en multitude de proxectos que culminan nun traballo propio:
"Son Brasilego".
Un traballo no que as colaboracións son tan especiais como bonitos os temas.
O Sérgio Tannus Trío,ben coñecido na noite compostelana é a base musical deste traballo.Un trío de amigos no que o acompañan Serginho Sales e Paulo Silva.
O disco engancha. É variado,ameno,inspirado,soberbio.
Destacan con rotundidade todos os colaboradores, pero atreveríame a dicir que compuxo de xeito soberbio para as mulleres.
Non podo deixar de escoitar "Eu tô Alegre" coa contaxiosa vitalidade de Luanda Cozetti.



Tampouco me resisto á sensibilidade de Aline Frazao en "Quem  disse?" que me deixou abraiado...


A presenza potente,central,elegante de Uxía en "Choro Alegre"....
Ademáis escrebeu un texto para o libreto do CD que deixa patente que Uxía coñece a Sérgio,pode que mellor que ninguén.
Sempre penso que Uxía é a correa de transmisión máis importante para poñer en valor todo este Patrimonio Cultural. Sempre integradora,investigadora,emprendedora,creativa,amiga... Uxía e moito máis que unha artista. Uxía é un referente.
A nosa cultura é algo moito máis amplo do que nos creíamos.Agora empezamos a saber que moito do que somos,do que fomos e seremos, mora máis aló do Atlántico.E moitos sabémolo por ela.


Aquel Setembro de 2006 foi un episodio ben importante que deu lugar a un tema,o 4º,cantado con gusto por Xabier Díaz.

O concerto foi unha descarga de mil voltios pola súa emotividade. Foi un concerto pero foi tamén un acto de irmanamento entre povos que comparten un tronco lingüistico,o galego portugués.
O Sérgio é sensíbel,vital,creativo;valores todos que sobrevoaron o Principal na noite do martes pasado.

Aquel Setembro "que cruzou distancias" chegou a este Decembro de "paz e harmonía" que agoira un percorrido artístico, o do noso brasilego querido,que non podemos nen queremos perder.