domingo, 17 de junio de 2012

A EDUCACIÓN COMA FACTOR CORRECTOR


Nestes días en que colexios do rural de Lugo e Ourense poden recuperar modelos do franquismo, hai voces que, baseándose na lóxica da "rendibilidade" xustifican que a Xunta non costee colexios de 10 rapaces. Din que non é responsabilidade da Administración senon dos pais que a residencia dos escolares esté lonxe dos grandes centros educativos.
 Asistimos dende fai moitas décadas ao abandono do rural. As aldeas quedan sen xente. Ano tras ano observamos coma un rural despoboado é vítima fácil de incendios forestais ou oleadas de roubos,por exemplo.
Coa crise económica os servizos que non foran "rendibles" comezan a desaparecer.
 Nas vilas e cidades as cousas non pintan moito mellor, malia que a análise é ben distinta. Os servizos están relativamente cerca, pero a crise trouxo moito paro e unha situación económica moi delicada dentro das familias. O futuro é moi negro con familias moi endeudadas e unha perspectiva laboral na que o desemprego está chamado a ser o protagonista. Defendo e defenderei a tese de que os problemas nas cidades veñen da superpoboación. E aínda serán maiores se o cambio climático provoca maior escasez de recursos.
 Ben, moitos destes urbanitas en apuros proveñen do rural. Nunhas épocas máis que noutras o éxodo do rural ás cidades foi palpable. Atrás, na aldea, quedaron recordos,familia,terras... pero sobre todo quedou un medio de vida que foi quen de manter a unha poboación moi numerosa nos tempos máis difíciles. Deso fala Manuel Rivas no seu artigo A resistencia da pataca:
A terra coma a eterna ONG,coma a fornecedora do necesario.Incluso para a vida na cidade. Maleteiros cheos de rural para encher as despensas urbanitas. E non só alimentos senon tamén financiación. Diñeiro rural para pagar os pisos. O rural segue a financiar tamén o comercio urbano.
Agora que xa non pode aportar aos seus fillos aporta o que lle queda.
O rural semella ser un morto moi vivo. Os últimos estertores dun modo de vida seguen a manter aos seus fillos alá onde van. ¡Do qué sería capaz se se lle axudase mínimamente!
¿Cal é a causa de que esteamos nesta situación?
Claramente asistimos a un desequilibrio demográfico. A volta paulatina a un equilibrio ou a un menor desequilibrio pasa por factores correctores.
A Educación de calidade é un dos principais. Si os pais ven posibilidades de escolarizar correctamente aos fillos terán superado un dos obstáculos maiores para a súa reubicación no rural.
  Por iso a Administración ten a responsabilidade de cambiar o rumbo dunha situación que non conduce senon ao colapso das cidades e a desaparición dun ecosistema,o mundo rural, que afectará, sen dúbida, a todos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario