domingo, 14 de marzo de 2010




A AP9 é considerada unha infraestrutura estratéxica para o desenrolo de Galicia. Nun país carente dunha estrutura ferroviaria minimamente competente a mobilidade en vehículo converteuse no catalizador dun progreso bastante evidente.
Pero a fórmula de que sexan os usuarios os que asuman o custe do uso ten provocado a disuasión de moitos deles que provocan dous efectos:
-o primeiro deles de efecto inmediato: a saturación da N 550
-outro non inmediato: a posta en marcha de proxectos, estudos informativos, etc de vías alternativas libres de peaxe.
O efecto de saturación da N550(ademais de outras vías) é doado de percibir. Calquera que circule por Padrón ou Ordes, por exemplo terá que padecer as caravanas interminábeis para cruzar as travesías que, nunca deberían soportar outro tráfico que non fose o puramente local.
Outras consecuencias de esta saturación coma a falla de seguridade vial, dilúense nun océano de cifras, en novas que xa moitas veces non ocupan lugares preferentes nos xornais ou telexornais...que non acadan a atención dos “tertulianos” que enchen os debates e “debatiños” nas radios e televisións. Peóns que son arrolados ao cruzar as estradas, sinistralidade en xeral... Só nos preocupa a incomodidade ou o tempo perdido.
O segundo efecto, o de máis longo prazo, ten unhas consecuencias que parecen non importar a ninguén. Ninguén parece estar preocupado por a desfeita medioambiental que isto vai provocar. Pasaron máis de 30 anos do documental “Autopista, unha navallada á nosa terra”. Nel dáselle voz á xente que sufriu tódolos males pero ningún beneficio desta infraestrutura.
Unha autovía, unha autoestrada e unha estrada nacional.-
A importancia outorgada ao dano medioambiental segue igual de minguada. O progreso “vía cemento”(e variantes) ten vía libre para rematar cun patrimonio tan importante coma, por exemplo, os acuíferos que a non tardar moito imos botar en falla. Os danos sociais de parroquias divididas, camiños truncados engádense á desfeita.
Son moi poucas as voces que falan de que é necesario replantexar a estratexia, pararnos a pensar e coller un camiño algo máis acaído. En tódolos foros a cuestión é si Fomento cumpre cos compromisos económicos ou non cumpre. Ninguén(alo menos que se escoite) pon en cuestión a estratexia de ordenación do terrritorio. Hai que executar e punto.
¿Por qué non se opta por asumir o custe de liberar a peaxe?
Non atopo explicación. A opción elixida vai supor unha perda medioambiental fora de toda dúbida. Pero ademáis suporá moitos mais custes económicos. Ninguén dubida que precisamos mellorar a mobilidade pero non deberíamos repetir erros do pasado; máis aínda se se trata de erros de vulto.
O patrimonio medioambiental tamén é patrimonio económico.-
É ben sabido que o coidado da natureza proporciona melloras na economía. Son moitas as posibilidades que se lle abren a un territorio saneado e razoablemente ordeado.
Neste inverno temos asistido ao longo de toda a xeografía mundial a unha evidencia abraiante: a falta de ordenación do territorio multiplica os efectos dunha climatoloxía algo excepcional anque non catastrófica. Madeira, Andalucía, Canarias, etc.
Evidentemente temos de considerar os custes deste dano para considerar a rendibilidade das infraestruturas. Esas estradas que en moitos casos ocuparon espazos que lle pertencían a un cauce teñen que anotar no seu debe o pago de todas estas indemnizacións aos afectados.
Precisamos avanzar con paso lixeiro nas infraestruturas pero reflexionando ben todas as consecuencias. Se os nosos políticos non o fan probablemente será porque os despachos oficiais non se asolagan. Pero tamén pode ser porque non llo requirimos nos, os que si estamos expostos ás consecuencias moi directamente. Deixemos claro que queremos progreso pero non a calquera prezo. Ou cando menos que nos digan o prezo completo. Incluída a letra pequena.

No hay comentarios:

Publicar un comentario