sábado, 1 de octubre de 2011

A DESFEITA URBANISTICA DE REDONDELA

Boa parte das pasadas vacacións paseina na pontevedresa vila de Redondela.
A coñecida coma Vila dos Viadutos está chea de historia e beleza que agardo poder contar aquí noutra ocasión.
Tamén está chea dos meus mellores recordos cando dende O Barco víñamos ¡¡tras dunha viaxe de 5 horas!!.
Aquí tiñamos familia moi querida.E unha ventá necesaria para expandir un espíritu algo encollido por unhas expectativas que o interior ourensan non satisfacía plenamente.
Inda lembro a emoción cando baixabamos dende o alto de Os Valos(entre Porriño e Redondela) e comezabamos a sentir a presencia do mar.
Non podo esquecer o tempo de praia en Cesantes,cando da man do meu pai, collíamos berberechos e os comíamos sen saír da auga.
Eu,daquela un cativo,non era consciente do cambio que a vila, da que era a miña nai, estaba a sofrer.
Xa fixeran o "escalextric" que conectaba o tráfico de Vigo con Pontevedra para evitar o sempre ateigado "funil". Claro que trasladou o problema a Santa Mariña e,de paso produciu un impacto visual que non consigo asimilar cada vez que paso por aquí.
Se cadra foi un dos primeiros pasos dun urbanismo desaforado que trouxo coma consecuencia que, hoxe por hoxe, se vaia desdibuxando a persoalidade da vila que, en tempos, foi Redondela.
Pero o que máis me doe é a desfeita co patrimonio arquitectónico. O casco vello posúe pezas verdadeiramente singulares pero que,sen criterio definido,foron devaluadas principalmente por dúas vías:
-ou ben se deixaron reformar coma o dono quixera ou ben
-se permitiu que se lle adosaran vivendas que devalúan un conxunto que podería estar hoxe,sen dúbida, á altura dos mellores.
Non se preservaron as singularidades agardando a financiación que lle devolva o seu esplendor perdido. Algo que vexo moitas veces en Portugal(o catalogado casco histórico de Oporto,por exemplo).
Non será doado endereitar o rumbo polas barbaridades cometidas pero é tempo de tomar decisións sobre o que queremos que sexa o lugar onde vivimos. Redondela debe atopar o seu propio vieiro que seguro que fica lonxe do “desarrollismo” que veu padecendo ata agora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario